A sede do PP de Gondomar amanece empapelada con carteles críticos pola xestión dos incendios
Durante a pasada madrugada do domingo, a sede local do Partido Popular de Gondomar apareceu empapelada con cartaces políticos que acusan o PP de ser responsable da crise medioambiental que afectou Galicia o pasado verán.
Entre os lemas visibles na fachada podían lerse mensaxes como “Partido Pirómano” ou “17 anos queimando Galiza”, facendo referencia ás políticas do partido en materia de prevención e xestión de incendios forestais.
A portavoz dos populares en Gondomar mostraba a sua indignación “Esta noche hemos sufrido un ataque vandálico contra nuestra sede, un hecho grave que atenta contra la convivencia democrática. Duele especialmente porque cuando Gondomar sufrió los incendios estuvimos siempre al lado de los vecinos, mientras otros optaban por la confrontación. La violencia y el sectarismo no tienen cabida en democracia, por eso pedimos al alcalde una condena clara de estos actos. Nosotros seguiremos defendiendo el diálogo, la convivencia, el respeto, las propuestas y el sentido común al servicio de los vecinos y vecinas.”
Os cartaces, que non están asinados por ningunha organización, critican a actuación institucional do PP ao longo dos últimos anos e responsabilízano, segundo os textos, de agravar as consecuencias dos incendios que afectaron de forma especialmente grave a distintas zonas do territorio galego.
Esta acción en Gondomar enmárcase nunha serie de feitos similares rexistrados en diversos municipios galegos nos últimos días, nunha campaña anónima que tamén apunta a responsables do PP como Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feijóo, Paula Prado ou Nicole Rodríguez, acusándoos de defender “políticas anticlimáticas”.
