BaionaGondomarNigran

Baiona, Nigrán e Gondomar reciben 385.000 euros de Vía Depo para reparar estradas danadas polos temporais

A Deputación de Pontevedra mobiliza 385.000 euros para mellorar a rede viaria municipal de Baiona, Nigrán e Gondomar a través do plan extraordinario Vía Depo, centrado na reparación de danos causados polas borrascas do inverno.

Baiona contará con máis de 104.000 euros, Nigrán con preto de 124.000 euros e Gondomar con máis de 157.000 euros, cantidades que permitirán actuar en puntos concretos das súas redes de estradas locais.

As intervencións previstas inclúen a reposición de firmes deteriorados, eliminación de fochancas e gretas, renovación de capas de rodaxe, melloras en sistemas de drenaxe como cunetas e sumidoiros, así como a estabilización de muros de contención que afectan a vías municipais.

O plan tamén contempla actuacións específicas en camiños e accesos a zonas sensibles, como paseos e sendeiros próximos ao litoral ou a espazos naturais, moi presentes nos tres concellos do Val Miñor.

Vía Depo forma parte dun programa provincial dotado con 8 millóns de euros para municipios de menos de 50.000 habitantes, co obxectivo de recuperar as infraestruturas viarias tras os episodios meteorolóxicos adversos e mellorar a súa resistencia de cara ao futuro.