Gondomar

Paula Bouzós impulsa a renovación da cuberta do IES Auga da Laxe para este verán

A portavoz do PP de Gondomar e deputada provincial, Paula Bouzós, está a xestionar coa Consellería de Educación a renovación da cuberta principal do IES Auga da Laxe, co obxectivo de executar as obras durante os meses de verán e minimizar así o impacto na actividade lectiva.

A representante popular mantivo unha reunión de traballo co director territorial de Educación, César Pérez, na que abordaron esta actuación, demandada pola comunidade educativa do centro. Segundo explicou Bouzós, a intervención xa estaba prevista pola administración autonómica, pero insistiu en acelerar os prazos para que se leve a cabo ao longo deste mesmo ano.

A actuación conta cunha memoria técnica valorada en 183.000 euros e inclúe non só a substitución da cuberta por unha nova, senón tamén a reparación do lucernario existente mediante unha solución técnica complexa que permita rematar coas filtracións de auga no interior do edificio.

Bouzós agradeceu a disposición da Consellería e destacou o compromiso co instituto, no que xa se investiron 162.000 euros en diversas melloras nos últimos anos. Ademais, subliñou que o investimento en centros educativos de Gondomar supera os 1,5 millóns de euros, incluíndo reformas e a xestión directa dos comedores escolares.