Últimas Noticias

Nigrán acolle un encontro educativo pola paz sen homologación da Xunta

O Concello de Nigrán colabora desde este venres ata o domingo no ‘Encontro galego-portugués de educadores/as pola paz’, que se celebra na Residencia de Tempo Libre de Patos, en Panxón. A iniciativa, organizada por Nova Escola Galega e Ponte nas Ondas, reúne docentes de Galicia e Portugal e coincide coa conmemoración dos 40 anos destes encontros, iniciados en 1986 no mesmo lugar.

Baixo o lema ‘Educar na vida en tempos de xenocidio’, as xornadas teñen como eixo central a situación en Palestina e buscan promover unha educación baseada na paz, a empatía e o respecto aos dereitos humanos. Nesta edición, a Consellería de Educación decidiu non conceder a homologación ao evento ao considerar que “non cumpre co principio de neutralidade ideolóxica”.

O alcalde de Nigrán, Juan González, criticou duramente esta decisión, defendendo que a iniciativa contribúe a formar unha cidadanía máis xusta e comprometida. “En Nigrán non somos indiferentes ao que acontece no mundo”, sinalou, ao tempo que lamentou o que cualifica como unha postura “reaccionaria” por parte da Xunta.

O encontro conta coa participación de activistas internacionais como Sara Ashour e Mohamad Safa, e pretende servir como espazo de reflexión e construción colectiva arredor de alternativas educativas que fomenten a non violencia.

Desde o Concello destacan tamén o seu compromiso coa cooperación internacional, achegándose ao obxectivo do 0,7% do orzamento destinado a este fin antes de 2030.