Pedro Blanco Lobeiras entrega ao alcalde de Nigrán as chaves do antigo centro de saúde de Panxón para Protección Civil
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, fixo entrega esta mañá ao alcalde de Nigrán, Juan Antonio González, das chaves do antigo centro de saúde de Panxón, que será destinado a nova sede de Protección Civil.
A cesión do inmoble, por un período de 50 anos, culmina un longo procedemento administrativo de sete anos, marcado por trámites internos entre os servizos xurídicos do Concello, a notaría e a Seguridade Social.
Durante o acto, o alcalde de Nigrán agradeceu expresamente o esforzo e a implicación do delegado do Goberno para desbloquear unha situación que permanecía enquistada desde hai anos, subliñando a importancia desta cesión para mellorar os servizos de emerxencias do municipio.
O Concello de Nigrán investirá máis de medio millón de euros na rehabilitación do edificio para adaptalo ao seu novo uso ao servizo da veciñanza.
