Nigran

O Concello de Nigrán busca un novo leira-parking no centro urbano para gañar máis de cen prazas de estacionamento

O Concello de Nigrán continúa coa súa aposta por mellorar o estacionamento no centro urbano coa convocatoria dun novo concurso público para alugar unha finca que permita habilitar un segundo leira-parking gratuíto. Este espazo sumaríase ao xa existente na rúa Vilameán, operativo desde 2023.

O novo terreo deberá cumprir requisitos como situarse a menos de 250 metros da Casa do Concello, ter unha superficie mínima de 2.000 m² e contar con acceso por vía pública asfaltada e iluminada. O prezo máximo fixado é de 3,90 €/m² ao ano sen IVE, podendo acadar ata 12.846 € anuais para a superficie mínima esixida.

As persoas interesadas teñen de prazo ata o 3 de maio para presentar as súas propostas, valorándose especialmente a mellor oferta económica e a proximidade ao consistorio.

Segundo explicou o alcalde, Juan González, o obxectivo é que este novo espazo estea operativo antes do verán, facilitando á veciñanza o acceso ao centro para realizar compras, xestións ou actividades de lecer.

Estímase que este leira-parking permita crear máis de 100 novas prazas, que se sumarían ás xa dispoñibles na rúa Vilameán. Deste xeito, o goberno local busca reforzar a mobilidade e apoiar ao comercio e á hostalaría, especialmente nos meses de maior afluencia.

O contrato de aluguer poderá renovarse anualmente ata un máximo de catro anos, consolidando así unha solución temporal pero eficaz para as necesidades de estacionamento no municipio.