O concello de Baiona recibe a Nahia Carneiro Vieites, nova embaixadora que representará a España no mundial de hip-hop en Alemaña
O Concello de Baiona recibiu á moza baionesa Nahia Carneiro Vieites, de 12 anos, que representará a España no Campionato Mundial de Hip-Hop que se celebrará en Alemaña.
O alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, xunto con membros da Corporación Municipal, felicitouna polo seu talento e traxectoria, destacando o orgullo que supón para a vila contar cunha representante tan nova no ámbito do baile urbano.
Nahia é estudante do IES Primeiro de Marzo e compaxina a súa formación académica co adestramento na Academia de Baile D.A. de Vigo. Forma parte dos grupos Get Dawn e De la Family, cos que acadou destacados resultados en competicións autonómicas, nacionais e internacionais.
Entre os seus logros máis relevantes figuran o título de campioa mundial de Hip-Hop na categoría Mega Crew en Narón, o terceiro posto no WDSF Mundial e o cuarto no Europeo, ademais da vitoria na competición Rock Da House. Tamén foi campioa da liga galega de Hip-Hop e subcampioa na súa primeira participación individual.
Con só 12 anos, Nahia Carneiro Vieites consolídase como unha das promesas do baile urbano, converténdose nun referente para a mocidade de Baiona. O Concello trasladoulle o seu apoio e desexoulle éxito nesta nova cita internacional, na que representará a Galicia e a España.
