O alcalde de Nigrán exerce como historiador experto na Guerra Civil no IES Proval
O alcalde de Nigrán, Juan González, deixou esta mañá a súa faceta institucional para exercer como historiador experto na Guerra Civil ante o alumnado do IES Proval. A actividade coincidiu co 95 aniversario da proclamación da Segunda República Española.
González, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e autor de obras como Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón e Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939, ofreceu varias charlas ao alumnado desde 4º da ESO ata 2º de Bacharelato. Estas sesións enmárcanse nas actividades do centro baixo o título “A memoria democrática”.
Na primeira intervención estivo acompañado polo investigador José Luis Mosquera, autor de O Val de Miñor durante a II República, obra premiada polo Instituto de Estudos Miñoranos en 2021.
Durante as charlas, o alcalde reflexionou sobre as consecuencias da guerra, sinalando que “ningunha guerra trae nada bo, e unha Guerra Civil é a peor de todas”. Ademais, relatou a historia de Inocencio Alonso, veciño de Camos que, tras fuxir inicialmente, logrou exiliarse en Chile a bordo do Winnipeg grazas á iniciativa do poeta Pablo Neruda.
Tamén lembrou o caso de Bienvenida República, veciña de Priegue que tivo que ocultar o seu nome durante décadas por medo ás represalias, exemplificando así as consecuencias sociais do franquismo.
