Nigran

Un garda civil fóra de servizo salva a vida dun home que se atragoaba en Nigrán

Un garda civil fóra de servizo salvou a vida dun cidadán que sufriu un grave atragoamento mentres comía nun restaurante do municipio de Nigrán o pasado sábado.

Os feitos producíronse arredor das 14:45 horas, cando o sarxento primeiro, xefe do Destacamento de Seguridade de Vigo, se atopaba xantando no establecemento. Nunha mesa próxima, un home de avanzada idade comezou a mostrar claros signos de asfixia mentres comía xunto á súa esposa.

Ao decatarse da situación, o axente ergueuse de inmediato e, xunto a outro comensal, tratou de auxilialo. Un primeiro intento ofrecéndolle auga e as palmadas nas costas non deron resultado. Pouco despois, o afectado esborrallouse no chan, presentando síntomas evidentes de falta de osíxeno.

Ante a gravidade do momento, o garda civil actuou con rapidez e determinación, practicándolle a manobra de Heimlich, conseguindo que o home expulsase un anaco de pataca que lle obstruía as vías respiratorias e recuperase progresivamente a respiración.

Os servizos de emerxencia desprazáronse ao lugar e confirmaron que a intervención foi decisiva. Días despois, o home auxiliado acudiu ao cuartel da Garda Civil para agradecer persoalmente a actuación e presentar unha felicitación formal ao axente.