O goberno de Nigrán ratifica a adscrición ao concello do vello centro de saúde de Panxón
O antigo Centro de Saúde de Panxón pasará a ser do Concello de Nigrán como mínimo durante os vindeiros 50 anos tras aprobarse a súa adscrición no pleno ordinario celebrado esta mañá, culminando así un proceso administrativo que se prolongou durante sete anos co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Segundo recolle o acordo, o inmoble será destinado a Centro Social para a terceira idade e sede de Protección Civil. “Ao fin recuperamos para a veciñanza un edificio sen uso desde hai máis de 20 anos”, destacou o alcalde, Juan González, quen subliñou que a cesión será renovable unha vez transcorrido este período.
O edificio dispón de 514 metros cadrados repartidos en planta baixa, primeiro andar e soto, e sitúase nunha parcela de 310 m² no barrio de Area Alta, a poucos metros da praia de Panxón. Os técnicos municipais estiman que a súa rehabilitación suporá un investimento de algo máis de medio millón de euros, unha actuación que o goberno local considera rendable a longo prazo.
“O inmoble consérvase en bo estado, sen problemas estruturais nin humidades”, indicou o rexedor, avanzando que unha das plantas será adaptada como centro social para maiores, unha demanda da parroquia, e a outra como nova sede de Protección Civil.
