Nigran

Reiteran a solicitude de arranxo do parque infantil e do torreiro de festas de Chandebrito polo risco para a veciñanza

A Asociación Chandebrito 1807 presentou o pasado 13 de xaneiro unha segunda solicitude dirixida ao presidente e á Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Chandebrito para esixir o arranxo urxente do parque infantil e do Torreiro das Laxes, situados en terreos propiedade da propia Comunidade de Montes.

Á petición achégase un informe fotográfico no que se detallan numerosas deficiencias graves existentes na contorna do parque infantil, algunhas delas presentes desde hai anos. A solicitude conta co respaldo de máis de 60 veciños e veciñas da parroquia.

Entre as eivas detectadas figuran un xogo de balancín de muelle sen agarradeira, unha pedra lonxitudinal con arestas vivas no lateral oeste do parque, postes metálicos cravados no chan con puntas sobresaíntes, un poste con baleas de ferro ao descuberto, placas con desprendementos, entullos de obra sen ningún tipo de protección e o bordo dunha placa e dos escalóns de cemento do palco en mal estado.

Segundo denuncia a asociación, estas deficiencias supoñen un risco real de accidentes graves, especialmente para os nenos e nenas que utilizan con frecuencia estas instalacións, polo que consideran imprescindible unha actuación inmediata.

A Asociación Chandebrito 1807 lembra ademais que xa se remitira unha solicitude similar por correo certificado o 19 de decembro de 2025, sen que a Presidencia da Comunidade de Montes chegase a recoller a comunicación. Por este motivo, reiteran agora a petición e advirten de que a falta de actuación podería derivar non só en danos persoais, senón tamén nun grave prexuízo económico para a propia Comunidade.

No escrito, a asociación cualifica de “gran irresponsabilidade” manter durante anos estas instalacións nun estado deficiente de conservación e critica que a Xunta Rectora destinase fondos a outros investimentos que consideran innecesarios, sen contar coa aprobación previa da Asemblea Xeral, tal e como recollen os estatutos da entidade.