Gondomar

O BNG lamenta os atrasos nas obras do Miñor e critica a activación tardía do plan de emerxencia

O Bloque Nacionalista Galego lamenta que os continuos atrasos nas obras destinadas a reducir os efectos das enchentes do río Miñor volvesen provocar novos asolagamentos en Gondomar o pasado luns. A portavoz municipal, Manuela Rodríguez, sinala os desencontros entre a Xunta de Galicia e o Concello como responsables dunha situación que se repite desde hai anos, “poñendo os intereses partidistas por diante do interese xeral da veciñanza”.

O BNG lembra que as actuacións na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns foron proxectadas en 2012, adxudicadas en 2022 e finalmente desbotadas tras non acadarse un acordo para a súa execución. En febreiro de 2025 a Xunta anunciou a reformulación do proxecto e en xullo a licitación dun novo, cun investimento de 3,5 millóns de euros e previsión de inicio no verán de 2026, aínda que desde o BNG advirten que os reproches entre administracións non xeran confianza na poboación afectada.

Ademais, a formación nacionalista critica que, pese á alerta meteorolóxica por fortes chuvias, o goberno local non activase o Plan de Actuación Municipal ante o Risco de Inundacións ata tarde. Aínda que non houbo danos persoais, consideran que os protocolos deberon activarse antes para minimizar os danos materiais. O BNG solicitou a convocatoria dunha xunta de portavoces para informar dos danos, das actuacións realizadas e do estado do proxecto de Augas de Galicia.