Nigrán gardará mañá un minuto de silencio polo falecemento de SUSI SEOANE LEMA
O Concello de Nigrán lamenta profundamente o falecemento de Susi Seoane Lema, vicepresidenta de AGAELA e histórica traballadora municipal, falecida a consecuencia da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). A institución decretou un día de loito oficial, con bandeiras a media hasta, e convoca á veciñanza a un minuto de silencio mañá xoves, 29 de xaneiro, ás 12:00 horas, ante a Casa Consistorial.
Susi Seoane deixou o Concello no ano 2021 tras 22 anos exercendo como axente de Emprego e Desenvolvemento Local, sendo unha profesional recoñecida pola súa meticulosidade, esmero e compromiso co servizo público. A súa pegada vai moito máis alá do ámbito municipal, ao converterse nunha referente en Galicia na defensa dos dereitos das persoas con ELA.
No Pleno municipal de maio de 2024, a propia Seoane leu unha declaración institucional na que reclamaba ao Parlamento a tramitación urxente e preferente dunha proposición de lei que garantise unha vida digna ás persoas afectadas por esta enfermidade. Aínda que a lei foi aprobada, continúa pendente do seu desenvolvemento.
Desde o Concello destacan a súa valentía, xenerosidade e exemplo vital, que “perdurará como alento para quen defenden causas xustas”.
