Baiona promove o consumo de produtos pesqueiros con pinchos saudables na rúa
A iniciativa, impulsada pola Consellería do Mar e o GALP Ría de Vigo – A Guarda, contou coa colaboración do Concello e achegou á veciñanza hábitos de vida saudables
A veciñanza de Baiona puido gozar este martes dunha xornada dedicada á promoción do consumo de produtos pesqueiros e á difusión de hábitos de vida saudables, celebrada nas inmediacións do centro de saúde.
A actividade, organizada pola Consellería do Mar a través do GALP Ría de Vigo – A Guarda e cofinanciada pola Unión Europea a través do FEMPA, contou tamén coa colaboración do Concello de Baiona, que se sumou a esta campaña divulgativa.
Entre as 11:00 e as 13:00 horas, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de degustar diferentes pinchos saudables elaborados con produtos do mar, servidos desde unha foodbike instalada no lugar. A proposta tivo unha boa acollida, achegando á cidadanía alternativas gastronómicas equilibradas e atractivas.
Ademais, durante a mañá repartíronse guías de nutrición, receitarios e diversos agasallos, co obxectivo de fomentar unha alimentación máis saudable e dar a coñecer os beneficios do consumo de peixe e marisco.
A iniciativa enmárcase nas accións de promoción do sector pesqueiro e busca reforzar a conexión entre a cidadanía e os produtos locais do mar, poñendo en valor a súa calidade e importancia dentro dunha dieta equilibrada.
