Baiona

Presentado en Baiona o boceto do que será o maior mural de España

Ás once e media da mañá, na Capitanía Marítima de Baiona, deuse a coñecer o boceto do que será o mural máis grande de España. No acto participaron a artista local Lula Goce, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, así como o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e a delegada do Banco Sabadell na vila.

O deseño inicial inclúe a representación de redeiras, coñecidas tamén como atadeiras, un símbolo tradicional moi ligado á identidade mariñeira da localidade e que marca a liña artística da obra. O mural situarase nun punto estratéxico, en pleno percorrido do Camiño de Santiago portugués pola costa, polo que será visible desde distintos puntos do casco urbano.

Segundo indicaron durante a presentación, os traballos avanzan a bo ritmo grazas ás boas condicións meteorolóxicas e está previsto que a obra quede rematada entre os días 3 e 4 de xuño.

Lula Goce destacou a ilusión que lle supón desenvolver un proxecto destas dimensións no seu propio pobo, amosándose orgullosa e agradecida ao Concello e a Portos de Galicia pola confianza depositada no seu traballo.

No acto tamén estiveron presentes o patrón maior da Confraría de Pescadores, representantes de ACEBA, Son Iates, as Amas de Casa e Viúdas de Baiona, alumnado dos colexios de Fontes, Belesar e Primeiro de Marzo, membros do Monte Real Club de Iates e diversas autoridades civís e militares.