Baiona consolida seis bandeiras azuis en 2026 e A Ladeira mantén o distintivo
Baiona reafírmase como destino de referencia no litoral galego ao acadar seis Bandeiras Azuis en 2026 nas praias de Barbeira, Concheira, Frades, Ladeira, Ribeira e Santa Marta. Entre elas, sobresae A Ladeira, que mantén o distintivo tras recuperalo o pasado ano, consolidando a súa mellora continua en calidade e servizos.
No conxunto de Galicia, a comunidade suma 118 bandeiras azuis, dez máis ca na edición anterior, mentres España continúa liderando o ranking mundial con 677 praias recoñecidas.
Na provincia de Pontevedra destacan Sanxenxo, con 21 areais galardoados, e Vigo, con 12 praias e un porto deportivo.
Ademais, tamén foron distinguidos varios portos deportivos da provincia, entre eles o Monte Real Club de Yates, xunto co Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Náutico de Portonovo, o Puerto Deportivo Juan Carlos I, o Puerto Deportivo Pedras Negras e o Liceo Marítimo de Bouzas.
Cómpre sinalar que Nigrán non figura neste listado, xa que o concello renunciou a presentarse a este tipo de galardóns.
O distintivo Bandera Azul recoñece a excelencia na calidade das augas, a seguridade, a accesibilidade e a xestión ambiental, nun ano no que o programa celebra o seu 40 aniversario reforzando os criterios de sustentabilidade a nivel internacional.
