BaionaGondomarNigran

O BNG lanza unha ofensiva institucional para denunciar a precariedade do servizo de emerxencias do GES do Val Miñor

A formación nacionalista promoverá iniciativas nos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, na Mancomunidade, na Deputación de Pontevedra e no Parlamento galego para esixir a mellora das condicións laborais e das instalacións do servizo

O BNG vén de anunciar unha ofensiva institucional para denunciar a grave situación de precariedade que sofre o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor. A formación nacionalista levará mocións aos plenos dos tres concellos da comarca, á Mancomunidade e á Deputación de Pontevedra, ademais de presentar iniciativas no Parlamento galego, co obxectivo de dignificar o servizo tanto no plano laboral como no estado das súas dependencias.

A iniciativa foi presentada esta mañá logo dunha visita ás actuais instalacións do GES, nas que participaron a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, a representante dos traballadores Rosa Pereira, e os portavoces municipais do BNG nos tres concellos: Xavier Rodríguez (Nigrán), Iago Pereira (Baiona) e Manuela Rodríguez (Gondomar), estes dous últimos tamén membros da Mancomunidade. Rodríguez é tamén deputada provincial.

Quendas con só un efectivo e risco de peche do servizo

O BNG denuncia que o GES do Val Miñor conta unicamente con 12 traballadores/as que realizan quendas de dous efectivos, número claramente insuficiente para atender unha poboación de arredor de 45.000 habitantes, que se multiplica no verán. Segundo explican, “en caso de baixas, vacacións ou permisos, pode haber quendas con só unha persoa ou incluso chegar a pechar o servizo, como xa aconteceu”.

Ademais, a formación denuncia a falta de solución ao caso de acoso laboral producido dentro do servizo, que está xudicializado, e a paralización do proceso de estabilización de prazas, ambos os dous atribuídos á “inacción reiterada” da Xunta de Goberno da Mancomunidade, composta polos alcaldes dos tres concellos.

Unhas instalacións insalubres e mal localizadas

A precariedade tamén se manifesta nas condicións das instalacións. Segundo o BNG, a sede do GES está “totalmente abandonada”, sen mantemento dende hai anos, con humidades, teitos con pingueiras, barandas soltas, paredes desconchadas e unha escaleira perigosa. Non conta con espazo nin elementos axeitados para o adestramento físico e comparte edificio con outros servizos municipais do Concello de Nigrán.

A iso súmase a localización da sede: “nunha rúa sen saída, detrás dun instituto con moito tráfico en determinadas horas, o que pode dificultar as saídas de emerxencia”.

Demanda dunha nova sede digna e funcional

Fronte a esta situación, o BNG reclama que se habiliten novas instalacións para o GES, nun emprazamento axeitado que facilite a comunicación co conxunto do Val Miñor, con espazo cuberto para os vehículos e deseñado especificamente para un servizo de emerxencias.

“É imprescindible darlle unha solución xa. Manter o servizo neste estado é dunha irresponsabilidade temeraria. Xogámonos vidas”, advertiron. Para o BNG, a única vía posible pasa pola colaboración entre a Mancomunidade, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.