Nigrán reordenará os servizos de Praia América-Lourido para garantir unha accesibilidade total e instalará un baño-cambiador inclusivo único en Galicia
O Concello de Nigrán disporá no vindeiro verán dunha zona de servizos públicos completamente accesible en Praia América-Lourido, grazas a un proxecto elaborado conforme ás indicacións do grupo de expertos en accesibilidade “Un Nigrán para todos”. A actuación iniciarase cun investimento de preto de 30.000 € para remodelar a zona onde anchea o paseo marítimo e actualmente se atopan as duchas, aseos e a rampla de acceso ao areal.
O obxectivo é eliminar os bordes de acceso ás duchas para enrasalos, mudar o pavimento actualmente irregular, corrixir as pendentes das ramplas, recolocar as prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e instalar novas columnas de ducha adaptadas. Ademais, achegarase a este espazo a actual caseta de Protección Civil, situada a 130 metros, para facilitar o uso das cadeiras anfibias, baños adaptados ou muletas.
Nunha segunda fase, o Concello prevé adquirir un baño-cambiador inclusivo único en Galicia, cun investimento de 80.000 € con cargo ao remanente de Tesourería, que se consignará no pleno ordinario de maio. Este baño modular contará cun espazo amplo adaptado a persoas con gran dependencia que precisen asistencia doutra ou de dúas persoas, e incluirá grúa motorizada con mando, padiola regulable, asento de ducha e todos os elementos necesarios para unha verdadeira accesibilidade.
“Trátase de replantexar desde cero este espazo cun proxecto pensado especificamente para garantir a accesibilidade e, ao tempo, outorgarlle uniformidade e harmonía coa contorna”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca tamén que a actuación repercutirá positivamente na calidade turística da zona. Paralelamente, crearase unha zona de sombra exterior que funcione como espazo de estancia asociado ao cambiador.