Baiona

Un veciño de Sabarís, na fronte da denuncia pola expansión do eucalipto en Galicia

O veciño de Sabarís Alfredo Pereira, en representación da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), participou onte en Santiago de Compostela nunha rolda de prensa conxunta na que se advertiu do grave impacto ambiental, social e económico da expansión do eucalipto en Galicia. Segundo os datos presentados, esta especie ocupa xa o 4% da superficie total do país.

O acto, que contou tamén coa participación de Fran Xestal (Sindicato Labrego Galego), Lorena Muñiz e Generosa Gey (ORGACCMM), Fins Eirexas (ADEGA) e Manuel da Cal (FRUGA), puxo sobre a mesa a preocupación compartida por estas organizacións fronte á proliferación dun monocultivo que, segundo denunciaron, “foi alentado polas políticas públicas e polos intereses da industria da celulosa”.

Pereira, que tamén representa ás comunidades do Val Miñor, alertou da perda progresiva de biodiversidade e da desaparición do monte multifuncional, tradicionalmente xestionado polas comunidades de montes veciñais. “A presión para plantar eucaliptos tamén chegou con forza ao Val Miñor, onde cada vez hai máis sensibilidade social fronte a este modelo forestal insostible”, asegurou.

Durante a presentación do informe, destacouse que a superficie de eucalipto multiplicouse por catro nos últimos 50 anos en Galicia, e que boa parte desta expansión se realizou sen planificación, vulnerando mesmo os límites marcados polo Plan Forestal Galego.

As entidades reclamaron un novo modelo forestal baseado na diversidade, a sustentabilidade e o aproveitamento racional dos recursos. Anunciaron ademais a súa intención de continuar con accións informativas e mobilizacións para frear a expansión do eucalipto e defender os intereses das comunidades rurais galegas.