Gondomar

Ramón Magariños, padriño da Gala do Deporte 2025 en Gondomar

O mítico atleta galego Ramón Magariños, natural da Estrada, será o padriño da Gala do Deporte 2025 que se celebrará este sábado no Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda.

Magariños é unha auténtica lenda viva do atletismo galego e español. Foi 35 veces internacional coa selección absoluta entre 1964 e 1972, e chegou a ostentar múltiples récords nacionais nas probas de 100, 200 e 400 metros, situándose entre os mellores atletas europeos do seu tempo. Ao longo da súa carreira foi campión de España en varias disciplinas, converténdose nun referente do deporte a nivel estatal.

A súa traxectoria é un exemplo de talento, esforzo e paixón polo atletismo, valores que queremos poñer en valor nesta gala que recoñece o traballo de deportistas, clubs e entidades do noso municipio.

Desde o Concello de Gondomar queremos expresar o noso agradecemento a Ramón Magariños por aceptar ser parte desta celebración como padriño da edición 2025, inspirando co seu exemplo ás novas xeracións de deportistas gondomareños e gondomareñas.