Nigran

Nigrán transforma a súa Casa Consistorial para gañar accesibilidade e eficiencia enerxética

O Concello de Nigrán vén de adxudicar por 783.500 euros á empresa Eiffage Energía a reforma integral da Casa Consistorial co obxectivo de convertela nun espazo máis accesible, sostible e funcional. As obras comezarán a principios de maio e prolongaranse durante uns sete meses, ata finais de ano.

O proxecto conta cun financiamento de 653.972 euros procedente do Plan Provincia Extraordinario da Deputación de Pontevedra e inclúe actuacións como a substitución da carpintería exterior, a mellora do illamento térmico da fachada e cuberta, a instalación dun novo sistema de climatización, a renovación eléctrica e a colocación de placas solares fotovoltaicas.

A intervención permitirá eliminar barreiras arquitectónicas nun edificio que presenta importantes deficiencias, como a ausencia de aseos adaptados, dificultades de acceso para persoas con mobilidade reducida ou a falta de ventilación axeitada. Ademais, incorporarase sinalización accesible mediante pictogramas e elementos comprensibles para toda a veciñanza.

Durante o tempo que duren os traballos, os servizos municipais serán trasladados a diferentes localizacións do municipio. A Alcaldía instalarase no Centro Social de Vilameán, mentres que outras áreas como Turismo, Deportes ou Educación se desprazarán ao Centro Antena, e departamentos como Urbanismo ou Medio Ambiente pasarán ao edificio novo do Concello.

O alcalde, Juan González, subliña que esta reforma permitirá modernizar un inmoble dos anos 60 que xa non cumpre cos estándares actuais nin en accesibilidade nin en eficiencia, ao tempo que contribuirá a reducir o consumo enerxético e avanzar nos compromisos ambientais do municipio.