Oia

A igrexa de Santa María de Oia recibe a doazón dun órgano artesán da familia Barja

A Igrexa Parroquial de Santa María de Oia acolleu o venres un acto institucional e musical pola doazón dun órgano artesanal da familia Barja ao patrimonio eclesiástico local. O evento, organizado polo Coro Ensemble Vocal Ángel Barja, integrouse na programación do VIII Centenario da Catedral de Tui e no programa Ai Ondas da Xunta.

O instrumento, elaborado en 2005 por José Barja Iglesias, sacerdote redentorista falecido en 2017, é unha peza única que o autor empregou nas súas composicións. A familia cumpriu así a súa vontade de destinalo a un espazo relixioso.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou o valor simbólico da doazón e o seu impacto no patrimonio local, agradecendo á familia o xesto. Tamén puxo en valor o labor do director do coro, Alberto Abal, e a idoneidade do templo, tanto pola súa historia como polo paso de peregrinos. Ademais, sinalou o papel do párroco, Don Daniel Goberna, no coidado do instrumento.

O acto incluíu música sacra a cargo do tubista Edgar Dutary, acompañado por Leisbert Antonio Moreno ao órgano e polas voces do coro. Como recoñecemento, entregouse a Pepa Barja unha peza de Sargadelos coa figura de Rosalía de Castro.

A xornada rematou cunha demostración da sonoridade do órgano e co anuncio da intención de celebrar un concerto anual en honra aos irmáns Pepe e Ángel Barja.