BaionaGondomarNigranTomiño

O Partido Popular denuncia que máis de 10.000 veciños de Baiona, Nigrán, Gondomar, Oia e Tomiño non teñan internet de alta velocidade

O Partido Popular da provincia de Pontevedra denunciou a falta de acceso a Internet de alta velocidade en varios concellos do sur da provincia, sinalando que milleiros de veciños seguen sen unha conexión en condicións.

Segundo os datos achegados polos populares, máis de 10.000 persoas en Baiona, Nigrán, Gondomar, Oia e Tomiño carecen de cobertura de polo menos 100 megabits. Gondomar é o municipio máis afectado, con 5.318 veciños sen servizo axeitado, seguido de Tomiño (3.696) e Oia (1.231). En Nigrán e Baiona, a cifra de afectados rolda os 600 veciños en cada caso.

Dende o Partido Popular advirten de que esta situación supón unha clara desvantaxe para o desenvolvemento económico e social, afectando ao teletraballo, á educación en liña, á actividade empresarial e ao acceso a servizos como a telemedicina.

A formación levará esta problemática ao pleno da Deputación de Pontevedra a través dunha moción, na que reclamará ao Goberno central medidas urxentes para garantir o acceso universal a Internet de alta velocidade, en liña cos obxectivos marcados polo programa estatal ÚNICO para o ano 2025.

Os populares critican os retrasos na execución destes plans e consideran “inadmisible” que aínda existan zonas sen cobertura, reclamando solucións inmediatas para rematar coa fenda dixital na provincia.