Nigrán estrea Ledicia Camper Park como nova aposta turística ligada ao Camiño Portugués da Costa
A parroquia de Panxón acolleu a inauguración do novo camping Ledicia Camper Park, situado na Finca Manzanares, un proxecto que reforza a oferta turística do municipio e do conxunto do Val Miñor e que contou coa presenza de Ana Ortiz, delegada da Xunta de Galicia en Vigo.
Durante o acto, Ortiz destacou o papel clave do Camiño Portugués da Costa como motor económico e de proxección internacional. “Esta ruta non é só unha vía espiritual ou cultural, é unha canle de riqueza e oportunidades que sitúa a Nigrán e ao Val Miñor no mapa internacional”, afirmou, subliñando a chegada constante de visitantes de todo o mundo.
Neste sentido, puxo en valor iniciativas como Ledicia Camper Park, que permiten ofrecer “infraestruturas á altura da excelencia que Galicia merece”. Ademais, incidiu no compromiso da administración autonómica co emprendemento, asegurando que continuarán apoiando proxectos que xeren emprego e aposten pola sustentabilidade e a innovación.
O novo camping conta cunha superficie de 32.000 metros cadrados e ofrece 131 prazas, tras tres anos de tramitación. Entre as súas instalacións destacan un parque infantil con tirolina, tobogáns e columpios, así como unha área canina de 500 metros cadrados equipada con xogos de ‘agility’ e piscina para mascotas, configurándose como unha proposta moderna e adaptada ás novas demandas do turismo itinerante.
