Gondomar

O Concello de Gondomar celebra o IX Memorial Secundino Pérez Sanromán co gallo do Día das Letras Galegas no Auditorio Lois Tobío

O Concello de Gondomar continúa coa programación especial do Día das Letras Galegas coa celebración do IX Memorial Secundino Pérez Sanromán, unha cita cultural xa consolidada na comarca e que o pasado ano foi recuperada con forza para seguir poñendo en valor a música tradicional galega e a figura dun dos grandes referentes do folclore no Val Miñor.

O evento celebrarase o vindeiro 9 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio Lois Tobío, reunindo a diferentes agrupacións tradicionais da comarca nunha homenaxe á traxectoria e ao legado de Secundino Pérez Sanromán.

Pérez Sanromán (1931-2014) foi gaiteiro, saxofonista, compositor e mestre de varias xeracións de músicos. Durante máis de corenta anos dedicou a súa vida á ensinanza e á difusión da cultura popular galega, deixando unha profunda pegada en Gondomar e en todo o Val Miñor a través da creación e impulso de numerosos grupos tradicionais.

Considerado un dos grandes mestres da gaita en Galicia, a súa labor foi fundamental para manter viva a música tradicional e transmitir o patrimonio cultural galego ás novas xeracións.

O IX Memorial Secundino Pérez Sanromán está organizado polo Concello de Gondomar en colaboración co grupo Novos Aires de Couso, nunha aposta por continuar fortalecendo a programación cultural vinculada ás Letras Galegas e ás tradicións musicais do país.

Nesta edición participarán as agrupacións Aires de Santes da AAVV Galiñeiro de Vincios, A Merced de Chaín, Ecos e Agarimos de Peitieiros e Novos Aires de Couso.

Desde o Concello de Gondomar anímase á veciñanza a asistir e desfrutar desta cita coa música tradicional galega, nun encontro que servirá tamén para render homenaxe á figura dun mestre imprescindible da cultura popular do Val Miñor.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, destacou a importancia de manter vivo este memorial “como recoñecemento a unha persoa que dedicou a súa vida a ensinar, divulgar e preservar a nosa música tradicional”. Ademais, sinalou que “Secundino Pérez Sanromán deixou unha pegada imborrable en Gondomar e en toda a comarca, formando a centos de músicos e contribuíndo decisivamente a que a cultura popular galega siga viva hoxe en día”.