BaionaGondomarTomiño

Deputación inviste 662.000 euros na mellora da EP-3102 entre Tomiño, Gondomar e Baiona

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente de contratación das obras de mellora da seguridade viaria na estrada EP-3102, que conecta os concellos de Tomiño, Gondomar e Baiona. A actuación contará cun orzamento de 662.000 euros.

Os traballos centraranse nun treito de 9,2 quilómetros, onde se executará a reposición integral do firme nas zonas máis deterioradas, así como a mellora dos sistemas de drenaxe para evitar acumulacións de auga. Tamén se renovará a sinalización horizontal e instalaranse novos sistemas de contención de vehículos co obxectivo de reforzar a seguridade da vía.

O proxecto inclúe a retirada de pavimentos en mal estado, o fresado das capas superficiais e a súa substitución por novos materiais. Ademais, construiranse cunetas e arquetas de formigón e colocaranse novas conducións de drenaxe.

O presidente provincial, Luis López, destacou que esta intervención forma parte dun paquete de investimentos superiores aos 3 millóns de euros destinados á modernización de varias estradas provinciais. Segundo indicou, estas actuacións son clave para mellorar a seguridade e a conectividade do territorio.