Nigran

El Playa de Panxón sofre danos na cuberta tras o forte temporal nocturno

O forte temporal rexistrado durante a noite de onte provocou danos de consideración no local El Playa, situado no paseo marítimo de Panxón, ao derrubar unha parte da cuberta da terraza exterior. As intensas rachas de vento fixeron ceder a estrutura metálica, facendo que varios paneis acabasen no chan, tal e como se pode apreciar na zona afectada.

As instalacións nas que se atopa o establecemento son de titularidade municipal, aínda que están cedidas en réxime de concesión a unha persoa privada, responsable da explotación do local. Durante a xornada de hoxe foron as propias persoas propietarias de El Playa quen se desprazaron ata o lugar para avaliar os danos e iniciar os primeiros traballos co obxectivo de retirar os elementos desprendidos e tratar de asegurar a estrutura restante.

O suceso produciuse de madrugada, cando o local permanecía pechado ao público, polo que non se rexistraron danos persoais. A caída da cuberta produciuse sobre a propia terraza, evitando consecuencias máis graves nun espazo que adoita contar cun importante número de clientes, especialmente en fins de semana e períodos de bo tempo.