Baiona

Baiona abre á cidadanía o proceso participativo sobre A Doca cunha sesión pública no Multiusos Bedriñana

O Auditorio Multiusos Bedriñana de Baiona acollerá o vindeiro 30 de xaneiro unha sesión aberta á cidadanía para dar a coñecer o estado do proceso participativo e da investigación histórica arredor de A Doca, un proxecto colectivo que convida ás veciñas e veciños a compartir lembranzas, experiencias e materiais vencellados ao espigón.

O proceso de mediación para o deseño do mural de A Doca de Baiona, impulsado conxuntamente por Portos de Galicia, o Concello de Baiona e a Fundación Sabadell, coa colaboración do Monte Real Club de Yates, continúa avanzando coa implicación de distintos axentes sociais e educativos da vila.

Ese mesmo día iniciaranse tamén as actividades participativas cos centros educativos de Baiona, nas que participará alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º e 2º da ESO. A través dun fanzine deseñado especificamente para esta fase do proxecto, o alumnado desenvolverá actividades na aula que terán continuidade no ámbito doméstico, favorecendo a implicación das familias e o diálogo interxeracional.

Ás 18:00 horas, a Sala Auditorio do Multiusos Bedriñana acollerá unha sesión aberta a toda a cidadanía, na que se informará sobre o estado actual do proceso participativo e sobre as investigacións levadas a cabo durante estes meses. Nelas participaron colectivos culturais, deportivos, económicos e sociais, así como os centros educativos da vila.

A sesión está concibida como un espazo de participación activa, no que as persoas asistentes poderán compartir as súas experiencias vinculadas a A Doca e achegar fotografías e recordos do espigón e de momentos vividos nel, contribuíndo así a enriquecer a memoria colectiva do lugar.

Desde o Concello de Baiona valórase moi positivamente este proceso participativo e de investigación en profundidade, que permitirá incorporar á historia local información sobre o espigón ata agora escasamente documentada, reforzando o vínculo entre patrimonio, memoria e participación cidadá.