Baiona

O BNG acusa ao PP de votar contra a protección da Serra da Groba no Parlamento

O BNG denunciou a postura do PP tras votar no Parlamento en contra de paralizar os proxectos eólicos e blindar legalmente a Serra da Groba. O deputado Brais Ruanova cualificou a decisión de “incoherente”, lembrando que os populares apoiaran a defensa do espazo no pleno municipal de Oia.

Nunha comparecencia en Santiago de Compostela, Ruanova criticou que o PP “opte por un modelo de espolio dos recursos e de capital foráneo”, fronte á proposta nacionalista dun “si rotundo” á protección da serra. Segundo explicou, os proxectos —Margarita 18, Cote 25, Nao 19 e Galera 25— implican aeroxeradores de gran potencia e unha liña de evacuación que afectaría tamén a Baiona e Gondomar.

O deputado advertiu do impacto ambiental, paisaxístico e económico, sinalando riscos para cursos fluviais, hábitats protexidos e especies como o escribán de canaveira. Tamén destacou a ameaza sobre o patrimonio cultural e actividades como o turismo, a gandaría extensiva ou a apicultura.

Ruanova acusou ademais ao PP de promover un “colonialismo enerxético” e de contradicirse coa súa posición en Madrid sobre os eólicos. Como alternativa, o BNG propuxo rexeitar os proxectos, declarar a serra Espazo Natural Protexido e impulsar un plan de desenvolvemento sostible en colaboración coas comunidades locais.

“Defender a Groba é defender Galiza fronte ao espolio”, concluíu o deputado.