BaionaGondomarNigran

Baiona, Nigrán e Gondomar poderán elixir hospital de referencia durante 30 días

 

O Servizo Galego de Saúde abriu este xoves un prazo de 30 días naturais para que a veciñanza de Baiona, Nigrán e Gondomar poida escoller o seu hospital de referencia dentro da área sanitaria de Vigo.

As persoas interesadas poderán optar entre o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e o Hospital Povisa, exercendo así o dereito á libre elección na atención sanitaria especializada.

Segundo os datos oficiais, máis de 110.000 persoas teñen actualmente asignado como hospital de referencia Povisa, polo que este proceso permitirá revisar e, de ser o caso, modificar esa asignación.

As solicitudes deberán presentarse no centro de saúde correspondente, nos servizos de admisión hospitalaria ou a través de internet na páxina web do Sergas. Será preciso achegar un documento identificativo e, no caso de que o trámite o realice outra persoa, tamén a documentación que acredite a representación ou autorización.

O prazo comeza ao día seguinte da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.