Baiona

A deputación contratará as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-2202 Baiona-Loureza ao seu paso por Oia

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para iniciar a contratación das obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2202 Baiona-Loureza, ao seu paso polo concello de Oia. A actuación contará cun investimento total de 165.500 euros, dos cales 124.400 serán achegados pola institución provincial e 33.100 polo Concello de Oia.

Os traballos desenvolveranse integramente no núcleo de Torroña, nun treito de 180 metros comprendido entre os puntos quilométricos 17+350 e 17+520. O obxectivo principal do proxecto é mellorar a seguridade viaria e garantir o servizo público da estrada, con especial atención aos colectivos máis vulnerables.

Na actualidade, este tramo dispón dunha sección media de seis metros de ancho, con dous carrís de circulación e sen beirarrúas nin beiravías. Coa execución das obras darase prioridade á mobilidade peonil mediante a creación dunha senda peonil na marxe dereita, contigua á calzada, cunha anchura media de 2,5 metros, e dunha cuneta revestida e transitable na marxe esquerda, de ancho variable ata os peches existentes.

O proxecto inclúe tamén a mellora de dous espazos públicos para o seu uso como zonas de esparexemento, así como o fresado da calzada, a colocación dun novo pavimento, o retranqueo de muros e a adaptación dos pozos de rexistro e arquetas á nova rasante da vía.