Nigran

O Concello de Nigrán traballa para paliar os efectos das borrascas na súa costa

 O Concello de Nigrán traballa para paliar os efectos das sucesivas borrascas antes de emprender arranxos ou reposicións, ante a previsión de que o mal tempo continúe. A forza do mar da pasada noite provocou o desprendemento de boa parte da varanda do paseo marítimo de Panxón, obrigando a pechalo, ao igual que o do Porto Pesqueiro (competencia da Xunta de Galicia), o paseo da Madorra e o acceso a Area Fofa, en Monteferro.

“Nos paseos non parece que existan danos estruturais, pero si na súa superficie; no caso de Area Fofa hai que analizalo máis a fondo ao presentar socavóns con entrada de auga do mar”, explica o alcalde, Juan González, quen solicita á cidadanía que respecte todas as sinalizacións “para evitar danos persoais”.

De momento, e mentres non arrecie o temporal, o Concello está a adoptar medidas paliativas. Así, operarios municipais retiraron da contorna de Praia América–Panxón varias farolas, un aseo e unhas duchas polo risco de caída ante o novo desnivel do areal, ademais das propias varandas do paseo.

“Cando pase o mal tempo tocará avaliar polo miúdo os danos e solicitar as axudas necesarias”, conclúe o rexedor.