Nigran

nigrán aposta polo entroido nocturno no desfile de comparsas do 20 de febreiro

O Concello de Nigrán aprobou as bases do Concurso de Comparsas do Entroido 2026, unha iniciativa destinada a fomentar a creatividade artística, a participación cidadá e a conservación das tradicións locais. O certame desenvolverase en réxime competitivo e premiará ás vinte mellores comparsas participantes.

Poderán inscribirse aquelas agrupacións con máis de 20 integrantes, dos cales polo menos dez deberán ser adultos. A inscrición previa poderá formalizarse ata o 12 de febreiro de 2026 a través da sede electrónica municipal. As comparsas que desexen participar no desfile sen competir deberán comunicálo previamente ao Concello.

O desfile celebrarase o venres 20 de febreiro ás 21.00 horas, cun percorrido que comezará na rúa Rosalía de Castro e rematará na estrada do Ceán. Cada comparsa realizará a súa actuación diante do xurado á altura da Casa do Concello, presentándose cunha hora de antelación. O sorteo da orde de saída terá lugar o 16 de febreiro no salón de plenos.

Os premios económicos oscilarán entre 200 e 900 euros, cunha dotación adicional de 300 euros para asociacións culturais, deportivas ou veciñais de Nigrán inscritas no rexistro municipal.