Nigrán licita a reforma da casa consistorial para mellorar accesibilidade e eficiencia enerxética
O Concello de Nigrán anunciou a licitación das obras de reforma integral da Casa Consistorial cun orzamento total de 871.890 €, dos que 653.972 € serán financiados polo Plan Provincia Extraordinario da Deputación de Pontevedra. O proxecto, deseñado polo arquitecto Severo Fernández Castro, pretende eliminar barreiras arquitectónicas, mellorar a eficiencia enerxética e aumentar a funcionalidade e confort das instalacións. Entre as actuacións destacan a substitución da carpintería exterior, a redistribución de espazos, a instalación de illamento, a renovación da climatización e da iluminación, así como a incorporación de aseos accesibles e sinais comprensibles para persoas con diversidade funcional.
“Gran parte do edificio vello non cumpría co ‘Nigrán para todos’ e era enerxeticamente ineficiente”, explica o alcalde Juan González, quen subliña que a reforma permitirá un aforro enerxético importante, con placas solares fotovoltaicas e illamento de fachadas e cuberta. O proxecto prolongarase ata sete meses e implicará o traslado temporal das oficinas, afectando servizos como Desenvolvemento Local, Padrón, Secretaría, Deportes, Turismo e os despachos municipais. Esta actuación enmárcase no Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía, co obxectivo de reducir as emisións de CO₂ nun 40 % ata 2030.
O edificio, construido nos anos 60 e reformado nos 80, require agora modernización para continuar ofrecendo un servizo público funcional, cómodo e accesible á veciñanza.
