Baiona

Baiona acolle unhas xornadas gratuítas de formación en dixitalización para pemes e autónomos

Estudios Rafer, en colaboración co Concello de Baiona, organiza uns cursos gratuítos de dixitalización destinados a pemes, autónomos e empresas de menos de 250 empregados. As xornadas terán lugar os días 9, 10 e 11 de febreiro, en horario de 16.30 a 19.30 horas, no auditorio do centro multiusos Ángel Bedriñana.

O programa permite a asistencia de ata dúas persoas por empresa e conta con prazas limitadas, polo que se recomenda formalizar a inscrición con antelación. O temario abrangue cuestións clave para o tecido empresarial, especialmente coas novas normativas en vigor: facturación electrónica dixital (Verifactum), ciberseguridade para pemes, control horario dixital, márketing dixital, xestión de redes sociais, WhatsApp Business e intelixencia artificial aplicada á empresa.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo antonio.juncal@estudiosrafer.es ou chamando ao 677 84 80 95.

Desde o Concello de Baiona destacan a relevancia destas accións formativas, que permiten aos emprendedores e empresas adaptarse de forma práctica e efectiva ás novas obrigas legais, mellorando a súa competitividade e presenza dixital.