O temporal obriga ao peche do auditorio v centenario e das escaleiras do cais por seguridade, anuncia Baiona
Os temporais que afectan á provincia durante esta semana provocaron diversos desperfectos en edificios municipais de Baiona, facendo necesaria a adopción de medidas preventivas para garantir a seguridade da veciñanza e das persoas usuarias das instalacións públicas.
Non se trata do paso dunha borrasca convencional, senón dunha colisión de sistemas no Atlántico Norte coñecida como efecto Fujiwhara, un fenómeno caracterizado por ventos moi intensos e, sobre todo, persistentes. Esta situación mantén á provincia nun pasillo de aceleración de aire no que as rachas se suceden sen apenas tregua, aumentando o risco de danos estruturais.
Ante esta situación, o Concello de Baiona decretou o peche temporal do Auditorio V Centenario e das coñecidas como escaleiras do Cais, como medida preventiva para garantir a seguridade.
A decisión adoptouse tras comprobarse diversas deficiencias no inmoble, que afectan tanto ao interior do edificio como á vía pública. En concreto, detectouse risco de desprendementos na fachada, así como un importante deterioro da cuberta transitable do auditorio, o que provocou un incremento das filtracións de auga xa existentes e impide o seu correcto uso.
Por este motivo, o Concello procede á clausura temporal destes espazos ata que se leven a cabo as reparacións necesarias. Desde o goberno local lamentan as molestias ocasionadas e informan de que xa se está a traballar para solucionar esta problemática á maior brevidade posible, comunicándose a reapertura unha vez rematadas as actuacións.
