Nigran

Uxía leva a voz de nigrán ao Congreso dos Deputados

Uxía, moza de 16 anos e membro do Consello de Participación Infantil e Adolescente de Nigrán, participou esta semana nun acto no Congreso dos Deputados, onde a infancia e a adolescencia trasladaron directamente as súas preocupacións e propostas aos responsables políticos do Estado.

A súa intervención tivo lugar no marco dunha iniciativa impulsada pola Plataforma de Infancia e UNICEF España, na que oito mozos e mozas de entre 12 e 17 anos de distintos puntos de España abordaron temas como a saúde mental, a prevención da violencia, a pobreza infantil, os dereitos dixitais e a acción climática. Uxía centrouse na accesibilidade, reclamando que todos os dereitos sexan realmente efectivos para nenos e nenas con discapacidade, lembrando que moitas ferramentas educativas e tecnolóxicas aínda crean barreiras que exclúen a quen máis necesita apoio.

O acto contou coa presenza da presidenta do Congreso, Francina Armengol, quen subliñou a importancia de escoitar a voz dos máis novos para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva, e tamén asistiu a ministra de Xuventude e Infancia, Sira Rego. Ademais, houbo unha lembranza explícita á situación da infancia palestina.

A participación de Uxía sitúa a Nigrán como un municipio comprometido coa participación infantil e adolescente e visibiliza a necesidade de garantir dereitos accesibles e igualitarios para todos.