A plataforma en defensa da sanidade pública do Val Miñor convoca un acto informativo en Sabarís e chama á mobilización do 1 de febreiro en Santiago
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor, integrada en SOS Sanidade Pública de Galicia, celebrará o vindeiro luns 26 de xaneiro un acto informativo no mercado de Sabarís. A iniciativa enmárcase na campaña de mobilización previa á manifestación convocada a nivel galego en defensa da sanidade pública, que terá lugar o sábado 1 de febreiro en Santiago de Compostela, con saída ás 12.00 horas desde a Alameda.
Desde a plataforma fan un chamamento á cidadanía para informarse e participar nesta protesta, coa que se pretende denunciar o progresivo desmantelamento da sanidade pública como consecuencia, aseguran, da falta de investimentos.
Co fin de facilitar a asistencia á manifestación, a organización porá a disposición da veciñanza autobuses con saída desde distintos puntos do Val Miñor. En Baiona, a saída será ás 9.30 horas diante do Parador; en Gondomar, ás 10.00 horas desde a estación de autobuses; e en Nigrán, tamén ás 10.00 horas diante do Concello.
As persoas interesadas en reservar praza poden facelo chamando aos teléfonos 609 801 138 (Baiona), 639 872 750 (Gondomar) e 629 207 579 (Nigrán), ou ben enviando unha mensaxe de WhatsApp indicando nome e teléfono de contacto.
