Oia

Oia estreará un miradoiro estelar único este verán

O Concello de Oia contará antes do verán cun novo miradoiro–observatorio de astroturismo en Torroña, integrado no proxecto “Os Ceos de Fornelos de Montes e Oia – Galicia Suroeste”. As obras, iniciadas a pasada semana, permitirán crear un espazo pioneiro para a contemplación do firmamento nunha contorna natural privilexiada.

Este equipamento conta coa certificación da Fundación Starlight, que avala a calidade e pureza do ceo da zona, converténdoa nun punto de referencia para afeccionados á astronomía e visitantes que buscan experiencias sostibles.

O proxecto, deseñado polo estudo Arqxé Arquitectura, aposta por unha estrutura circular inspirada nun castro invertido, con catro accesos orientados aos puntos cardinais. A construción realizarase con pedra local procedente das canteiras da parroquia de Burgueira, integrándose plenamente na paisaxe sen impacto visual.

O miradoiro incluirá zonas de descanso, unha área central estable para telescopios e un planisferio interpretativo, facilitando tanto a observación como actividades educativas e científicas. Cun investimento superior aos 60.000 euros, financiado por Galicia Suroeste a través de fondos europeos Next Generation, esta iniciativa reforza o posicionamento da comarca como destino de astroturismo de calidade e impulsa a dinamización económica local.