Nigran

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visita o Hotel Miramar de Nigrán para presentar proxectos turísticos na área de Vigo por máis de 500.000 euros

A Xunta de Galicia investirá máis de 522.000 euros en 18 proxectos de empresas turísticas da área de Vigo a través das axudas para o embelecemento do litoral. A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, visitou este xoves o Hotel Miramar, un dos establecementos beneficiarios.

Segundo explicou a representante autonómica, esta liña de subvencións, xestionada por Turismo de Galicia, forma parte do Plan territorial de sostibilidade turística de Galicia e busca mellorar a imaxe e a competitividade do litoral galego.

No conxunto da comunidade concedéronse 117 axudas por un importe superior aos 4,56 millóns de euros. A provincia de Pontevedra concentra o maior número de iniciativas, con 66 proxectos repartidos en concellos como Baiona, Bueu, Sanxenxo ou Vigo.

As actuacións subvencionadas inclúen melloras na eficiencia enerxética, a dixitalización de recursos turísticos e intervencións para renovar a fachada litoral. Estas axudas están financiadas ao 100 % con fondos europeos NextGenerationEU, co obxectivo de conservar e poñer en valor o patrimonio costeiro galego.