Oia

Eligio Rivas recibe a homenaxe do Concello de Oia polo seu retiro tras máis de 42 anos de servizo

O Concello de Oia recibiu oficialmente ao comandante da Garda Civil, Eligio Rivas, con motivo da súa xubilación despois de máis de 42 anos de servizo, dos cales 14 desenvolveunos no territorio do Baixo Miño.

O acto, celebrado na casa consistorial, contou coa presenza da alcaldesa, Cristina Correa, quen destacou a traxectoria exemplar do comandante, subliñando o seu compromiso coa seguridade cidadá, a súa profesionalidade e a súa proximidade coa veciñanza ao longo dos anos.

Durante a recepción, o Concello fixo entrega a Rivas dun detalle institucional como mostra de respecto, agradecemento e recoñecemento polo labor realizado durante toda a súa carreira. A alcaldesa puxo en valor o papel fundamental da Garda Civil na comarca e agradeceu especialmente a dedicación do comandante durante a súa etapa no Baixo Miño.

Pola súa banda, Eligio Rivas amosouse emocionado polo recoñecemento recibido e agradeceu o apoio e a colaboración das institucións locais ao longo da súa traxectoria profesional.

O acto rematou nun ambiente de cordialidade, cunha mensaxe de agradecemento colectivo por parte do Concello e o desexo dos mellores éxitos nesta nova etapa da súa vida.