O goberno de Nigrán renuncia ao centro de día no antigo centro de saúde de Panxón
O BNG denunciou que o Goberno de Nigrán renuncia á instalación dun centro de día no antigo centro de saúde de Panxón tras aprobar no Pleno, cos únicos votos favorables do PSOE, a adscrición temporal do inmoble por 50 anos para destinalo a Protección Civil do Val Miñor e a un centro social.
A formación nacionalista lembra que o centro de día era unha vella demanda da Asociación de Veciños de Panxón e unha necesidade urxente nun concello que só conta cun centro público no Val Miñor, situado en Sabarís. Ademais, critican que se pasase de reclamar a cesión definitiva do edificio a aceptar unha adscrición temporal, mantendo a titularidade en mans da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
O BNG considera especialmente grave que o Concello deba asumir o custo do acondicionamento do inmoble, estimado en máis de 700.000 euros, así como o seu mantemento, malia non ser da súa propiedade. Segundo o seu portavoz municipal, Xavier Rodríguez, o acordo “priva á veciñanza de Nigrán dunha infraestrutura imprescindíbel” e anuncia que seguirán esixindo prazas públicas de centro de día no municipio.
