A xunta licita a redacción do proxecto para construír 12 vivendas públicas en Baiona cun investimento de 2,5 millóns de euros
A Xunta de Galicia vén de licitar a redacción do proxecto para a construción de 12 novas vivendas públicas en Baiona, unha actuación que contará cun investimento autonómico estimado de 2,5 millóns de euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, o acordo polo que o Concello cede de forma gratuíta á Xunta a parcela na que se levantará o edificio. Este convenio xa fora autorizado esta mesma semana polo Consello da Xunta.
Segundo recolle a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, a licitación corresponde ao contrato de redacción do proxecto, cun orzamento superior aos 120.000 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 6 de marzo.
O inmoble executarase nunha parcela situada na rúa O Burgo, cedida polo Concello de Baiona, e albergará 12 novos fogares que se porán á disposición da cidadanía inscrita no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.
Martínez Allegue subliñou que, con este acordo, Baiona súmase a outros 13 concellos galegos que xa cederon solo á Xunta para a construción de vivenda pública. A conselleira agradeceu a colaboración municipal e animou a máis administracións locais a participar nesta iniciativa para facilitar o acceso a unha vivenda digna e a prezos accesibles. Ademais, puxo en valor o esforzo técnico e financeiro do Goberno galego, que actualmente ten en marcha arredor de 3.000 vivendas públicas en Galicia.
