Gondomar

O PP de Gondomar rexeita o convenio da Zona Franca para o polígono da Pasaxe por consideralo “moi lesivo”

O grupo municipal do PP de Gondomar votou en contra do convenio co Consorcio da Zona Franca de Vigo para o desenvolvemento do Polígono da Pasaxe, ao considerar que o acordo é “moi lesivo” para os intereses do Concello, da Comunidade de Montes de Vincios e dos veciños da parroquia.

A portavoz popular, Paula Bouzós, lamentou que o Goberno local desestimase todas as alegacións presentadas por grupos políticos, a Comunidade de Montes de Vincios, o C.D. Vincios, a asociación Agapa e o empresariado local. Ao seu xuízo, o Concello perdeu unha “oportunidade de ouro” para acadar un convenio equilibrado.

O PP cuestiona tamén a falta dun estudo actualizado de viabilidade económica e considera que o convenio establece límites aos custos que asumirá a Zona Franca baseándose en cantidades que, segundo os populares, non están avaladas por informes técnicos recentes. O partido critica ademais a exención de taxas de licenzas e do ICIO, así como a cesión do 10% do aproveitamento urbanístico.

Outro dos puntos de preocupación é a previsión de cinco millóns de euros para as expropiacións. O PP advirte de que esta cantidade podería provocar a “quebra técnica” da Comunidade de Montes de Vincios, propietaria do 60% dos terreos afectados.

Os populares tamén expresan dúbidas sobre o futuro do campo de fútbol e dunha vivenda familiar incluídos na área da segunda fase do proxecto, ao considerar que o convenio non fai referencia a estas cuestións.

Ante esta situación, o PP solicitou deixar o asunto sobre a mesa e crear unha mesa de traballo con todas as forzas políticas, as asociacións empresariais e a Comunidade de Montes, unha proposta que, segundo denuncia o partido, foi rexeitada polo Goberno municipal.