Nigrán inicia a rexeneración de Praia América tras os danos dos temporais
O Concello de Nigrán vén de anunciar o inicio das obras de emerxencia para a rexeneración ambiental de Praia América, gravemente afectada polas sucesivas borrascas deste inverno. A actuación, impulsada por Costas do Estado, busca restaurar o sistema dunar e frear a erosión mediante solucións naturais e sostibles.
Os traballos, cun investimento de 220.000 euros por parte do Goberno central, consisten en grandes movementos de area para reforzar a duna, así como na re-canalización do río, cuxo achegamento provocou desprendementos inéditos desde que existen rexistros. Ademais, reorganizaranse os accesos peonís para protexer o ecosistema, eliminando un dos pasos intermedios e consolidando a continuidade do cordón dunar.
Os danos tamén afectaron infraestruturas como pasarelas de madeira, duchas e elementos do paseo marítimo de Panxón. Neste sentido, o Concello prevé destinar outros 200.000 euros de fondos propios para rehabilitar esta zona.
Segundo o alcalde, Juan González, trátase dunha actuación necesaria para favorecer a recuperación ambiental e adaptarse aos efectos do cambio climático. As obras teñen unha duración estimada de dúas semanas.
