Nigran

Nigrán celebra o Día Mundial das Abellas cunha xornada educativa en Os Matos-Río Táboas

O Concello de Nigrán celebrou esta mañá o Día Mundial das Abellas no parque forestal Os Matos-Río Táboas coa participación da Escola Infantil As Dunas e do CEE de Panxón. A actividade permitiu á cativada coñecer de preto o proceso de produción do mel grazas ás explicacións de dous alumnos do centro educativo, coordinados polo profesor e apicultor Álvaro Rey.

Durante a xornada, os participantes colaboraron tamén coa Brigada Forestal Municipal na plantación de especies aromáticas como lavanda, romeiro, salvia e santolinas arredor das colmeas, co obxectivo de favorecer a alimentación das abellas e impulsar a biodiversidade do entorno.

O proxecto apícola do CEE de Panxón, iniciado en xuño de 2025, conta xa con cinco colmeares en plena produción, sumando arredor de 500.000 abellas. A previsión é obter a primeira colleita de mel o próximo mes de xullo. Ademais da produción melífera, o proxecto busca reforzar a polinización e o equilibrio natural do ecosistema.

O alcalde de Nigrán, Juan González, destacou que o parque forestal “é un refuxio natural no que a natureza debe funcionar de xeito autónomo”, incidindo na importancia de crear sinerxías sostibles entre flora, fauna e espazos públicos. Desde a Brigada Forestal lembraron tamén as ameazas que sofren as abellas, como a varroa, os pesticidas ou a avespa velutina.

A iniciativa enmárcase dentro da transformación do parque forestal Os Matos-Río Táboas, un espazo de 42 hectáreas afectado polos incendios de 2017 e que o Concello está a recuperar mediante a eliminación de especies invasoras, plantación de árbores autóctonas e a creación de áreas recreativas e rutas accesibles. O proxecto contempla ademais a restauración de elementos patrimoniais e medidas naturais de prevención contra incendios.