Gondomar impulsa a mellora do servizo de auga e saneamento cun investimento histórico de 1,5 millóns de euros
O Concello de Gondomar deu un paso decisivo cara á modernización dun dos servizos máis importantes para a veciñanza. A Comisión Informativa de Asuntos de Pleno ditaminou favorablemente, coa abstención da oposición, a adxudicación do novo contrato do servizo de abastecemento de auga e saneamento, que será levado ao pleno municipal do próximo día 12 para a súa aprobación definitiva.
A renovación deste contrato suporá unha importante mellora das infraestruturas hidráulicas do municipio, cun investimento previsto de máis de 1,5 millóns de euros destinados a actuacións en abastecemento e saneamento. Trátase dunha das apostas máis relevantes dos últimos anos para reforzar un servizo básico e esencial para a cidadanía.
O novo contrato permitirá avanzar na modernización da rede, mellorar a eficiencia do servizo e garantir unha resposta máis eficaz ás necesidades actuais e futuras da poboación. Ademais, as actuacións previstas contribuirán a optimizar os recursos hídricos e a reforzar a sustentabilidade das instalacións municipais.
Desde o goberno local destacan que este avance representa “un paso fundamental para seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza”, ao tempo que se aposta por unhas infraestruturas máis modernas, eficientes e preparadas para o futuro.
Coa aprobación definitiva prevista para os próximos días, Gondomar encamiña unha nova etapa na xestión da auga e do saneamento, consolidando investimentos estratéxicos para o desenvolvemento do municipio.
