Baiona

Eduardo Marrero Delgado e Sheila Sánchez Castillo gañan a Triple Corona Illas Atlánticas entre Cíes e Baiona

O nadador canario Eduardo Marrero Delgado, do Club Natación Los Cristianos, proclamouse este sábado vencedor da primeira proba da cuarta edición da Triple Corona Illas Atlánticas, unha das competicións de natación en augas abertas máis esixentes do calendario nacional. O deportista completou os 15 quilómetros entre as illas Cíes e Baiona nun tempo de 4 horas, 5 minutos e 11 segundos.

A vitoria estivo moi disputada. Luis Martín Coll cruzou a meta apenas cinco segundos despois, cun rexistro de 4:05:16, mentres que Sergio Torres Serrano completou o podio masculino con 4:05:22.

Na categoría feminina, a primeira clasificada foi a nadadora alacantina Sheila Sánchez Castillo, do CN Thior Horadada, que empregou 4 horas, 26 minutos e 11 segundos en completar o percorrido. Sara Fernández Pérez ocupou a segunda posición con 4:36:24, mentres que Uxía Martínez García foi terceira cun tempo de 4:21:28.

Na categoría sen neopreno, o triunfo masculino foi para o canario Martín Julio Suárez, con 4:45:32. Alberto Pérez Díaz, con 4:46:15, foi segundo, e Pablo Tapia Soler, con 4:57:38, terceiro. Entre as mulleres sen neopreno, a gañadora foi a viguesa Vanesa Rodríguez Pérez, cun tempo de 5:17:28, seguida de Maria Olivares, con 5:26:19, e Esperanza Navarro Simón, con 5:28:48. O primeiro nadador local foi Suso Blach, que completou a proba en 5:18:16.

A travesía comezou ás 08:40 horas na praia de Rodas, nas illas Cíes, e rematou na praia de Ribeira, en Baiona. Preto de 170 nadadores procedentes de 11 países, con idades comprendidas entre os 17 e os 69 anos, tomaron a saída. Dez deles tiveron que retirarse.

As condicións meteorolóxicas foron favorables, con arredor de 30 graos de temperatura exterior, vento suave e unha temperatura da auga de 18 graos. Porén, as correntes, o oleaxe e a dureza do océano aberto puxeron a proba aos participantes. Os propios nadadores sinalaron como especialmente duro o tramo comprendido entre os quilómetros 5 e 8, así como o paso entre a península de Monteferro e as illas Estelas.

A seguridade foi unha das prioridades da organización. Durante a xornada despregouse un dispositivo formado por 27 embarcacións, 43 kayakistas, tres motos acuáticas e preto de 200 persoas en terra e no mar. O operativo incluíu tamén dous médicos, 15 socorristas, dous ATS, un posto de Protección Civil do Val Miñor e unha ambulancia medicalizada na zona de chegada.

Na organización e no dispositivo de seguridade colaboraron o Parque Nacional das Illas Atlánticas, o Monte Real Club de Yates de Baiona, Gardacostas de Galicia, a Asociación Búsqueda y Salvamento de Galicia, o Liceo Marítimo de Vigo, Julio Verne Náutica, a Asociación de Socorristas Profesionais do Morrazo, Vodea, Protección Civil do Val Miñor, a Guardia Civil del Mar, Eolo Náutica, Tierra y Multiaventura e PescaCíes.

A entrega de premios celebrouse ao mediodía no paseo da Ribeira e contou coa presenza do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; a concelleira de Deportes, Ana María Iglesias; o concelleiro de Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas, Joaquín López Goce; a directora xeral de Patrimonio Natural, María Sol Díaz Mouteira; Patricia Martínez, en representación de Adegas Valmiñor, e o director da oficina de Abanca en Baiona, Ángel Pérez Rodríguez, entre outras autoridades e representantes das entidades colaboradoras.

A travesía entre as illas Cíes e Baiona é a primeira das tres probas que conforman a cuarta edición da Triple Corona Illas Atlánticas 2026-2028. O reto suma un total de 57 quilómetros repartidos en tres travesías que se disputarán nas augas das Rías Baixas ao longo dos próximos tres anos.

O evento está organizado por Atlantic Extreme Sports e conta co patrocinio do Concello de Baiona, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, Turismo de Galicia, Froiz, Zoggs, Abanca, Gadis, Conservas Ignacio González Montes e Rodosa, entre outras entidades.

A xornada pecharase esta noite cunha cea no paseo da Ribeira, a partir das 20:30 horas, durante a que se realizará a entrega de distincións e un sorteo de agasallos. A celebración incluirá unha degustación de produtos galegos con denominación de orixe e contará coa asistencia da presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana Rey.