Baiona

Baiona abre un novo referente cultural coa inauguración do maior mural de España

Baiona viviu este xoves unha das xornadas culturais máis importantes dos últimos anos coa inauguración do mural realizado pola artista baionesa Lula Goce no espigón da Doca, unha obra de máis de 1.400 metros cadrados que converte este emblemático espazo portuario nun referente artístico e cultural de Galicia. A intervención, considerada a maior destas características en España, rende homenaxe ás xentes do mar e aos oficios que durante xeracións construíron a identidade da vila.

Ao acto asistiron o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz Álvarez; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana Lagarón; así como representantes da Fundación Banco Sabadell⁠, entidade colaboradora do proxecto.

A obra naceu dun proceso participativo no que colaboraron os colexios de Fontes e Belesar, cuxo alumnado achegou propostas e ideas inspiradas na tradición mariñeira de Baiona. Entre os participantes atopábase tamén o fillo da propia artista, alumno do CEIP de Fontes, nun proxecto que uniu diferentes xeracións arredor da memoria colectiva da vila.

Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a presenza da nai de Lula Goce, antiga redeira e atadeira, símbolo vivo dos oficios que protagonizan o mural. A artista quixo render homenaxe non só á historia da súa familia, profundamente vinculada ao mar, senón tamén ás mulleres e homes que durante décadas traballaron nos peiraos, nas redes e nas embarcacións de Baiona.

A Doca, un dos espazos máis queridos polos baioneses, convértese así nun gran museo ao aire libre que mira ao mar e á súa xente. Cunha obra cargada de simbolismo, emoción e identidade, Lula Goce deixa na súa vila natal unha pegada artística chamada a converterse nun novo símbolo de Baiona.