Nigran

A biblioteca municipal de Nigrán, seleccionada para o congreso mundial de arquitectos de Barcelona

A Biblioteca Municipal de Nigrán será unha das referencias españolas no Congreso Mundial de Arquitectos que se celebrará do 28 de xuño ao 2 de xullo en Barcelona. O proxecto, obra do estudo vigués Gándara#Pons, foi seleccionado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para formar parte da exposición do Consejo Superior de Arquitectos de España neste prestixioso encontro internacional.

O edificio xa fora distinguido polo COAG como a mellor obra de nova planta construída en Galicia nos anos 2021-2022. Ademais, obtivo o Premio Ibérico Technal 2022 e acadou o segundo posto nos Premios AyE 2024, consolidándose como un referente da arquitectura contemporánea.

O alcalde de Nigrán, Juan González, destacou que se trata dun “edificio icónico” que sitúa ao municipio “no mapa da mellor arquitectura moderna do país”, amosando o orgullo do Concello por esta infraestrutura cultural.

A biblioteca ocupa unha parcela de 443 metros cadrados no centro da vila e conta con catro alturas e unha superficie construída de 1.260 metros cadrados. O seu deseño bioclimático permitiulle obter a máxima cualificación enerxética (A), incorporando solucións sostibles e espazos versátiles para actividades culturais, lectura, estudo e encontros veciñais.

O Congreso Mundial de Arquitectos reunirá en Barcelona a máis de 10.000 participantes e 250 relatores de todo o mundo, converténdose nun dos principais escaparates internacionais da arquitectura actual.